Documento da asociación
Estatutos da ANPA San Miguel
CEIP de Marcón
Esta páxina reproduce o contido dos estatutos vixentes da ANPA. En caso de discrepancia, prevalece o documento oficialmente inscrito no Rexistro de Asociacións.
CAPÍTULO I. DA ASOCIACIÓN EN XERAL
Coa denominación de “ASOCIACIÓN ANPA SAN MIGUEL CEIP DE MARCON”, constitúese unha organización de natureza asociativa e sen ánimo de lucro, ao amparo da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, e de acordo co artigo 22 da Constitución e o artigo 5 da Lei Orgánica 8/1985, de 3 de xullo, reguladora do dereito de educación e demais lexislación aplicable.
Art. 2 Personalidade e capacidade
A asociación constituída ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, podendo realizar todos aqueles actos que sexan necesarios para o cumprimento da finalidade para a que foi creada, con suxeición ao establecido no ordenamento xurídico.
Artigo 3. Domicilio
A asociación establece o seu domicilio social no propio centro, Lugar de Pazos, nº 37, localidade MARCÓN, C.P. 36158, concello Pontevedra. [Datos de contacto omitidos nesta versión web].
Artigo 4. Ámbito de actuación
A asociación constitúese no Centro Docente: CEIP de Marcón, polo que o seu ámbito territorial de actuación será a localidade de Pontevedra.
Artigo 5. Duración
A asociación constitúese por tempo indefinido e rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.
Artigo 6. Fins
- Son fins principais da asociación:
- Asistir aos pais, nais e titores en todo aquilo que concirne a educación dos seus fillos e pupilos.
- Colaborar nas actividades educativas e extraescolares do Centro.
- Promover a participación dos pais, nais dos alumnos na xestión do Centro.
- Asistir aos pais, nais dos alumnos no exercicio do seu dereito a intervir no control e xestión do Centro.
- Facilitar a representación dos pais, nais de alumnos no Consello Escolar do Centro.
- Estimular a participación dos pais, nais de alumnos na programación xeral do ensino a través do Órgano colexiado correspondente.
- Fomentar as relacións de cooperación do Centro con outros establecementos escolares e os sectores sociais e culturais do entorno.
- Promover a plena realización do principio de gratuidade no ámbito do Centro, así como a efectiva igualdade de dereitos de todos os alumnos sen discriminación por razóns socioeconómicas, ideolóxicas, confesionais, raza ou sexo.
- Requirir aos poderes públicos o cumprimento das leis, regulamentos e planos de actuación relativos a educación recadando a atención e axudas que esta merece.
- Promover actividades formativas, culturais e de estudo.
- Promover accións de colaboración de pais, nais con profesores e as boas relacións entre ambos co fin de colaborar na definición dunha adecuada estratexia didáctica e pedagóxica.
- E todos aqueles outros non recollidos nos estatutos e que sexan conformes á lei.
- Para levar a cabo os seus fins, a asociación poderá organizar todas aquelas actividades formativas, culturais, e de estudo e xuntanzas con todos os sectores da comunidade educativa e todas aquelas outras tendentes a cumprir os fins sinalados e que sexan conformes á lei e decididas polos órganos competentes.
Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ó cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre as persoas asociadas nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.
CAPÍTULO II. DAS PERSOAS ASOCIADAS
Artigo 7. Requisitos
- Para adquirir a condición de persoa asociada requírese ser pai, nai, titor ou titora de alumnos ou alumnas que cursen os seus estudos no centro docente e ter interese no desenvolvemento dos fins da asociación.
- As persoas físicas deben ser maiores de idade ou menores emancipados con capacidade de obrar e non estar suxeitas a inhabilitación ou condición legal para o exercicio do dereito.
Artigo 9. Perda da condición de persoa asociada
- A condición de asociado ou asociada pérdese:
- Por vontade propia, que se fará efectiva mediante presentación de renuncia, por escrito ante a Xunta Directiva e dirixida a secretaría da asociación. A renuncia terá efectos desde a data da súa presentación.
- Por baixa dos fillos/as como alumnos do centro educativo.
- Por falta de pagamento da cota anual.
A persoa que perdese a súa condición de asociada polo suposto sinalado no apartado anterior, poderá ser rehabilitada no momento que abonase a cota anual pendente de pago.
- Por incumprimento dos presentes estatutos ou dos acordos validamente adoptados polos órganos da asociación, así como pola realización de accións que prexudiquen gravemente os intereses da asociación.
- Por falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.
- A expulsión de asociados e asociadas no suposto do apartado d) do parágrafo anterior, será acordada pola Xunta Directiva, logo da audiencia da persoa interesada. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral Extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdición ordinaria.
Artigo 10. Dereitos
- As persoas asociadas teñen os seguintes dereitos:
- Participar nas actividades da asociación.
- Ser electoras e elixibles para os cargos dos órganos de goberno.
- Participar nas Asembleas con voz e voto.
- Recibir información da composición dos órganos de goberno e representación da asociación, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.
- Acceder á documentación da asociación a través dos órganos de representación.
- Ser oídas con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra elas e ser informadas dos feitos que dean lugar ás ditas medidas, debendo motivarse o acordo que, no seu caso, impoña a sanción.
- Impugnar os acordos dos órganos da asociación que estime contrarios á lei ou ós estatutos.
- Non poderán exercer o dereito de sufraxio activo e pasivo as persoas asociadas que non estean ao día no pagamento das cotas sociais.
Artigo 11. Obrigas
Son obrigas das persoas asociadas:
- Cumprir os presentes estatutos e os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da asociación.
- Pagar as cotas que de conformidade cos estatutos, se establezan.
- Desempeñar as obrigas inherentes aos cargos para os que foron elixidas.
- Asistir ás asembleas e demais actos organizados pola asociación.
CAPÍTULO III. DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN
Artigo 12. Organización da asociación
Os órganos de goberno e representación da asociación son a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva, que adoptarán os seus acordos de conformidade co principio maioritario ou de democracia interna.
Artigo 13. Asemblea Xeral
A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno da asociación e está integrada por todas as persoas asociadas.
Artigo 14. Reunións: clases e convocatoria
- As reunións da Asemblea Xeral poden ser ordinarias ou extraordinarias.
A reunión ordinaria celebrarase como mínimo unha vez o ano dentro dos catro meses seguintes ao peche do exercicio económico.
As reunións extraordinarias celebraranse cando as circunstancias o aconsellen, cantas veces o acorde a Xunta Directiva ou cando o soliciten por escrito o 10% das persoas asociadas.
- As convocatorias realizaranse por escrito sinalando o lugar, día e hora da reunión, así como a orde do día. Entre a publicación ou notificación da convocatoria e a data da celebración da asemblea en primeira convocatoria debe mediar como mínimo un prazo de dez días naturais.
- A documentación e información sobre as materias incluídas na orde do día, estará a disposición das persoas asociadas na secretaría da asociación, cunha antelación mínima de quince días naturais á celebración da Asemblea.
Artigo 15. Constitución e quórum de convocatoria
As Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituídas sempre que concorran un terzo das persoas asociadas presentes ou representadas, na primeira convocatoria ou, transcorrida media hora, en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes con dereito a voto. En todo caso, terán que estar presentes as persoas que ostentan a presidencia e a secretaría ou persoas que as substitúan.
Artigo 16. Facultades da Asemblea Xeral ordinaria
Serán competencias da Asemblea Xeral ordinaria:
- Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio anterior.
- Aprobar os orzamentos de ingresos e gastos para cada exercicio, e o plan de actividades.
- Examinar e aprobar as cotas das persoas asociadas, a proposta da Xunta Directiva.
- Elixir e cesar as persoas integrantes da Xunta Directiva.
- Aprobar a incorporación ou separación a unha federación.
- Solicitar a declaración de utilidade pública da asociación.
- Aprobar o regulamento de réxime interno da asociación.
Artigo 18. Facultades da Asemblea Xeral extraordinaria
Serán competencias da Asemblea Xeral extraordinaria:
- Modificar os estatutos da asociación, incluído o cambio de domicilio.
- Acordar a disolución da asociación e designar as persoas liquidadoras.
- Acordar a transformación da asociación.
- Acordar a fusión da asociación.
- As que sendo competencia da Asemblea Xeral Ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan agardar a súa convocatoria.
- Tódalas non conferidas expresamente á Asemblea Xeral ordinaria ou a Xunta Directiva.
Artigo 16. Adopción de acordos
- Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen aos negativos, non sendo computables a estes efectos os votos nulos, en branco nin as abstencións.
- Será necesaria a maioría absoluta dos votos emitidos, que resultará cando os votos afirmativos superen a metade das persoas presentes ou representadas, para adoptar os seguintes acordos:
- Designación de membros da Xunta Directiva
- Acordo para constituír federacións e para integrarse ou separarse delas
- Disolución da asociación.
- Modificación dos estatutos, incluído o cambio de domicilio social.
- Disposición ou alleamento de bens.
- Remuneración das persoas que integran os órganos de goberno e representación.
- Os acordos adoptados conforme ós preceptos anteriores obrigarán a todas as persoas asociadas, incluso as non asistentes.
Artigo 19. A Xunta Directiva: Composición
- A Xunta Directiva é o órgano de representación que xestiona e representa os intereses da Asociación De acordo coas disposicións e directivas da Asemblea Xeral.
Estará formada por: Presidente/-a, Secretario/-a, Tesoureiro/-a e, de ser o caso, vicepresidente e vogais, designados pola Asemblea Xeral entre as persoas asociadas maiores de idade, en pleno uso dos seus dereitos civís que non estean incursas en motivos de incompatibilidade legalmente establecidos.
- A duración do seu mandato será de 4 anos, podendo ser obxecto de sucesivas reeleccións.
- Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán desempeñados de forma gratuíta, sen prexuízo do dereito ao reembolso dos gastos debidamente xustificados en que poidan incorrer por actuacións relacionadas coa asociación.
- Os cargos da Xunta Directiva cesarán na súa función por:
- Morte ou declaración de falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica
- Incapacidade, inhabilitación ou incompatibilidade, de acordo co establecido no ordenamento xurídico
- Resolución xudicial.
- Renuncia voluntaria.
- Perda da condición de persoa asociada.
- Incumprimento das obrigas que tiveran encomendadas.
- Transcurso do período do seu mandato. Neste caso e en tanto non se proceda á elección da nova Xunta Directiva, aquela continuará en funcións ata a designación dos novos membros.
- De producirse vacantes na Xunta Directiva, estas serán desempeñadas provisoriamente polos restantes membros, ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral.
Artigo 20. Reunións e acordos
- A Xunta Directiva será convocada polo presidente, a iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes.
- Para estar validamente constituída deberán estar presentes, a metade máis un dos seus membros e, en todo caso, o presidente e o secretario ou as persoas que os substitúan.
- Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes. Os empates serán dirimidos mediante voto de calidade do Presidente.
Artigo 21. Facultades da Xunta Directiva
A Xunta Directiva terá as seguintes atribucións:
- Programar e dirixir as actividades asociativas
- Levar a xestión administrativa e económica da asociación.
- Executar os acordos da Asemblea.
- Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.
- Convocar e fixar as datas das Asembleas.
- Propoñerlle á Asemblea Xeral a fixación de cotas ordinarias e extraordinarias para as persoas asociadas.
- Designar as comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da asociación.
- Ditar normas interiores de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral.
- Resolver as solicitudes de ingreso de asociados/as.
- Propoñer o plan de actividades da asociación á Asemblea Xeral para a súa aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
- Resolver os procedementos disciplinarios que se instrúan.
Artigo 22. Obrigas documentais
A asociación disporá dos seguintes documentos, que estarán a disposición de todas as persoas asociadas:
- Unha relación actualizada de asociados e asociadas.
- Documentación contable que permitan obter a imaxe fiel do patrimonio, do resultado e da situación financeira da entidade, así como das actividades realizadas. Tal contabilidade levarase de conformidade coa normativa específica que resulte de aplicación.
- Inventario dos seus bens.
- Libro de actas das reunións dos seus órganos de goberno e representación.
Artigo 23. Presidente/a
A persoa que ostenta a presidencia terá as seguintes atribucións:
- Representar legalmente á asociación perante calquera organismo público ou privado.
- Convocar e presidir as sesións que celebre a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dirixir as deliberacións dunha e outra, e decidir con voto de calidade os casos de empate de votos.
- Ordenar a execución dos acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
- Ordenar os pagamentos acordados validamente.
- Asinar as actas, certificados, pagamentos e outros documentos da asociación xunto coa persoa que ostenta a secretaría ou membro da Xunta Directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.
O vicepresidente realizará as funcións do presidente en caso de ausencia ou enfermidade, podendo actuar en representación nos supostos en que se acorde pola xunta directiva ou pola asamblea xeral.
Artigo 24. Secretario/a
- A persoa que ostenta a secretaría terá as seguintes atribucións:
- Tramitar as solicitudes de ingreso na asociación e formalizar as inscricións de altas e baixas das persoas asociadas.
- Dirixir as actividades sociais e a administración da asociación.
- Formalizar as convocatorias de reunión por orde da presidencia e redactar as actas correspondentes
- Expedir certificacións dos acordos co visto e prace do presidente/a, así como emitir informes.
- Redactar o inventario de bens da asociación.
- Custodia do arquivo de libros e documentos da asociación.
- Cumprir coas demais obrigas documentais nos termos que legalmente corresponda.
- A persoa que ostenta a secretaría, nos casos de ausencia ou enfermidade, será substituída por outro membro da Xunta Directiva designado pola persoa que ostenta a Presidencia.
Artigo 25. Tesoureiro/a
- A persoa que ostenta a tesourería terá as seguintes atribucións:
- Recadar e custodiar os fondos pertencentes á asociación, custodialos e invertilos na forma acordada pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral
- Intervir coa súa sinatura todos os documentos de cobros e pagos co visto e conforme da presidencia
- Dar cumprimento ás ordes de pagamento que expida a persoa que ostenta a presidencia.
- Elaboración do anteproxecto de orzamentos para a súa aprobación
- Levar os libros de contabilidade da asociación e elaborar as contas anuais para a súa aprobación pola Asemblea
- Calquera outras funcións propias de tesourería como a responsabilidade da xestión económico financeira da asociación.
Artigo 26 Vogais
Os demais membros da Xunta Directiva, terán as obrigas propias do seu cargo, e aqueloutras que lles sexan encomendadas, tales como realizar programas e estudos con carácter xeral ou en áreas de actuación determinadas.
CAPÍTULO IV. RÉXIME ECONÓMICO
Artigo 27. Patrimonio inicial
A asociación no momento de iniciar as súas actividades dispón dun patrimonio composto de tódolos bens para a realización dos fins sociais. O peche do exercicio económico coincidirá co do curso escolar, e terá lugar o día 31 de agosto de cada ano.
Artigo 28. Recursos económicos
A asociación manterase dos seguintes recursos:
- As cotas periódicas das persoas asociadas.
- As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea Xeral.
As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
- Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da asociación.
- Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.
Artigo 29. Contas anuais
- Anualmente, con referencia ao último día do exercicio económico, elaboraranse as contas anuais, expresivas da situación patrimonial e contable da asociación, así como unha memoria das actividades realizadas. Esta documentación estará a disposición das persoas asociadas, durante un prazo non inferior a 15 días ao sinalado para a súa aprobación en Asemblea.
- A Xunta directiva levará os correspondentes libros de contabilidade, que permitan obter unha imaxe fiel do patrimonio, o resultado e a situación financeira da asociación.
Artigo 30. Destino de ingresos a fins da asociación
Como entidade sen ánimo de lucro, os beneficios obtidos derivados do exercicio de actividades económicas, incluídas as prestacións de servizos, destinaranse exclusivamente ao cumprimento dos fins da asociación. En ningún caso, estes beneficios poderán ser repartidos entre as persoas asociadas ou calquera outra persoa física ou xurídica con interese lucrativo.
CAPÍTULO V. DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO
Artigo 31. Regulamento de réxime interno
Por acordo da Asemblea Xeral pode aprobarse un regulamento de réxime interno, que desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nestes estatutos.
O funcionamento interno da asociación estará sometido ao ordenamento xurisdicional civil.
CAPÍTULO VI. DISOLUCIÓN E LIQUIDACIÓN DA ASOCIACIÓN
Artigo 32. Disolución
A asociación disolverase polas seguintes causas:
- Por acordo adoptado por maioría cualificada en asemblea xeral extraordinaria.
- Polas causas que se determinan no art. 39 do Código Civil.
- Por sentenza xudicial firme.
- Polas causas que se determinen nos presentes estatutos.
Artigo 33. Liquidación
- Acordada a disolución da asociación, ábrese o período de liquidación, ata o fin do cal a entidade conservará a súa personalidade xurídica.
- Os membros da xunta directiva no momento da disolución convértense en liquidadores, salvo designación expresa de liquidadores pola asemblea xeral ou por autoridade competente.
- Corresponde aos liquidadores:
- Velar pola integridade do patrimonio da asociación.
- Concluír as operacións pendentes e efectuar as novas que sexan precisas para a liquidación.
- Cobrar os créditos da Asociación.
- Liquidar o patrimonio e pagar ós acredores.
- Destinar o haber resultante da liquidación aos fins previstos no acordo de disolución ou nos estatutos, que non desvirtúen a súa natureza non lucrativa
- Solicitar a baixa da asociación e cancelación de asentos rexistrais.
- Á solicitude de inscrición da disolución da asociación no rexistro acompañarase do xustificante acreditativo do destino dos bens resultantes da liquidación.
DISPOSICIÓN ADICIONAL
En todo canto non estea previsto nos presentes Estatutos se aplicará a Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación e demais disposicións complementarias.
Dilixencia: para facer constar que os presentes estatutos quedan redactados conforme ás modificacións aprobadas na Asemblea xeral extraordinaria celebrada en data 19 de Xuño de 2019 e coas maiorías previstas nos estatutos da asociación.
